80 representantes de directivas de comunidades de montes e membros de grupos de investigación das universidades galegas participan no I Encontro do Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos que hoxe se celebra na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus de Vigo. “O Observatorio nace como un punto de encontro entre as comunidades de montes e a universidade, para o mellor coñecemento da creación de valor social das comunidades e o desenvolvemento de boas prácticas”, explica o docente e investigador do Departamento de Economía financeira e contabilidade Xavier Martínez Cobas en relación con esta iniciativa posta en marcha pola UVigo e as fundacións Juan de Vega e Isla Couto.
Neste primeiro acto organizado polo Observatorio desenvólvense tres mesas redondas en sesións de mañá e tarde nas que se abordan temas de interese e boas prácticas no sector, como o servizos ecosistémicos do monte comunal ou a xestión do monte a través do gando. Así mesmo, presentouse neste foro os resultados da tese de doutoramento de Beatriz Zugazagoitia sobre capital intelectual das comunidades de montes galegas. No transcurso do encontro, Lara Otero presentou o traballo de medición de valor social na comunidade de montes de Vincios, mentres que representantes das comunidades do Rosal e Baroña e da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, a Organización Galega de Comunidades de Montes e a Asociación Forestal de Galicia centrarán as súas intervencions nas súas experiencias particulares.
O Congreso Internacional de Economía Social, Eescoop, regresará a Galicia no mes de xuño e celebrarase concretamente na illa de San Simón os días 12 e 13, organizado pola Facultade Comercio da Universidade de Vigo. Este evento vén realizándose dende o ano 1996 en forma de seminarios de investigación, pero en 2016 optouse por cambiar a formato de congreso “como consecuencia do interese que espertaban esas reunións, e co ánimo de abrir a participación a investigadores de universidades doutros países”, explican os responsables do comité organizador, os profesores María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, dos departamentos de Economía financeira e contabilidade e de Economía aplicada, respectivamente, e ambos investigadores do Post-Growth Innovation Lab. O Congreso Internacional de Economía Social, Eescoop (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación) acadará con esta a oitava edición e será a segunda vez que a organización lle corresponda á Universidade de Vigo, aínda que na anterior ocasión se realizou en formato seminario.
Esta nova edición terá como lema As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social. Preténdese, como explican dende a organización, “poñer en común as actuais liñas de investigación e as experiencias prácticas que veñen desenvolvendo neste ámbito. Son referencia obrigada as actividades tradicionais vinculadas á economía social, nas que os principios cooperativos permitiron o seu mantemento e desenvolvemento constante, como tamén o son as actividades emerxentes vinculadas ao sector servizos, do que están a xurdir experiencias de éxito propiciadas, entre outros factores, pola innovación tecnolóxica”.
Analizar e mellorar o coñecemento sobre a alfabetización financeira das persoas emprendedoras e as súas consecuencias en aspectos como o rendemento e a propia supervivencia empresarial. Este é o obxectivo dun proxecto que desde principios deste ano e ata xaneiro de 2025 está a desenvolver un equipo formado por persoal investigador de Ecobas e das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Burgos e Valencia.
Concretamente, participan nel Ernesto López (coordinador do proxecto desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense-UVigo e Ecobas), Marcos Álvarez, Lucía Rey, José Berbel, Sara Fernández e Roberto Graña. Nun mundo empresarial cada vez máis complexo, indica López Valeiras, “a alfabetización financeira é clave para a toma de decisións informadas e o crecemento sostible das startups”, polo que amosa o seu desexo de que “este proxecto achegue un valor diferencial ás persoas que deciden iniciarse no camiño da creación de empresas”.
O traballo xurdiu no seo de Accounting and Finance for Entrepreneurship Monitor (Affe), un observatorio promovido por Ecobas e o grupo GEM Galicia para estudar, sensibilizar e fomentar o desenvolvemento dunha axeitada xestión financeira, contable e de control de xestión en persoas emprendedoras e pequenos empresarios. Unha das liñas de investigación de Affe é a educación financeira para emprendedores e emprendedoras e no marco desta liña xurde este proxecto, que acadou unha axuda da III Convocatoria Grupos de Investigación en Contabilidade, promovida polo Centro de Estudios Financieros.